PrensaInformación financeira

Resultados trimestrais

Banco Pastor crece un 25,2% en 2006

Principais logros no 2006:

-Beneficio antes de impostos, acelerándose a ritmos do +36,1%; beneficio por acción ao +25,8% e un Roe do 16,0%, mellorando en 263 puntos básicos o do exercicio anterior. Sen efecto fiscal, o beneficio neto atribuído elévase a 174,5 millóns de euros, +40,0% e o Roe ao 17,9%.

-Mellora da eficiencia, en 254 puntos básicos, situándose así a ratio nun 41,9%, mínimo histórico anual.

-Crecemento do volume de negocio en 7.357 millóns de euros un 20,9% máis ca en 2005.

-Incremento, pola súa vez, equilibrado, en taxas dun 23,1% por parte dos créditos e dun 19,4% polo lado dos depósitos de clientes, que mostran unha excelente evolución.

-Máis da metade do crecemento do investimento, dos créditos e empréstitos prodúcese no negocio con pemes, segmento de clientes ao que lle demos unha especial relevancia no plan Delta.

-Crecemento rendible: marxe de intermediación +16,7%, marxe de explotación +21,2%.

-Revalorización continua experimentada pola acción Banco Pastor en 2006, ata o 45,6%, das maiores rexistradas na Bolsa de Madrid.

"No primeiro aniversario do plan Delta, seguimos sorprendendo os nosos accionistas, os nosos clientes e o mercado. Estes resultados susténtanse, principalmente, en dous sólidos piares: unha estrutura organizativa áxil, flexible e enfocada ao cliente e unha estratexia clara de desenvolvemento comercial que dá sentido, orienta e dinamiza toda esa estrutura. É o que nos permite crecer de xeito continuado, sólido, equilibrado e rendible e seguir avanzando pola senda do éxito", comentou José María Arias, presidente de Banco Pastor.


O pasado aválanos, o presente explícase por si mesmo e o futuro ilusiónanos, ¿que máis podemos pedir?”, dixo Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor. "As cifras e os crecementos alcanzados falan por si sós e o resultado é froito da actividade recorrente, visible ao longo de toda a traxectoria polo favorable comportamento das marxes intermedias, as que mellor definen e cualifican a xestión dun grupo no que a súa matriz, principal fonte de xeración de resultados e base de negocio, é unha entidade bancaria", engadiu Jorge Gost.

A Coruña, 12 de febreiro de 2007- Todas as marxes intermedias dan conta de resultados que presentan incrementos de dobre díxito, confluíndo na marxe de explotación cun 21,2%. -

A MARXE DE INTERMEDIACIÓN vese incrementada en 65,7 millóns de euros, nun 16,7% en taxa interanual. Pola súa parte, os ingresos netos por servizos, o NETO COMISIÓNS, achega 18,4 millóns de crecemento —apoiado por unha continua incorporación de clientes e unha actividade comercial que aposta pola activa venda cruzada de produtos—, o que se traduce, en termos relativos, nunha variación do 14,8%.

O conxunto destas dúas variables constitúe o que na linguaxe do sector se coñece como MARXE BÁSICA, magnitude cuxo montante supera por primeira vez os 600 millóns de euros; en concreto, sitúase nos 601,8 millóns de euros ao peche do 2006, despois de crecer algo máis de 84 millóns de euros, nun 16,3%.

Se a esa última magnitude lle engadimos os resultados netos por operacións financeiras e diferenzas de cambio, os derivados da actividade de seguros e os rexistrados polo método da participación, obtemos a MARXE ORDINARIA. No seu conxunto achegan a esta marxe un montante de case 36 millóns de euros; é dicir, só representan o 5,6% deste; non obstante, ao deixar de imputarse os resultados de Unión Fenosa polo método da participación, debido a unha reclasificación de carteiras levada a cabo a principios do mes de xullo, non xeran unha variación positiva respecto do ano anterior.

Os CUSTOS DE EXPLOTACIÓN (netos de recuperacións de gastos) totalizan 267,4 millóns de euros, o que marca un crecemento respecto ao peche do exercicio anterior do 8,3%. Os gastos de persoal soben esta taxa ata o 9,4%, toda vez que o equipo neto do grupo se viu incrementada en 220 empregados. Os outros gastos xerais de administración crecen tan só nun 3,6%, unha boa mostra do éxito das nosas políticas de xestión e racionalización das distintas naturezas de gasto, toda vez que abrimos outras 42 novas oficinas bancarias (pechado 6), proseguindo co proceso expansionista iniciado no 2003 e adiantando mesmo o calendario de aperturas previsto no plan.

Con todo, seguimos mellorando a eficiencia. A ratio que a mide (canto máis baixa mellor), cociente entre os custos de explotación e a marxe ordinaria, reduciuse ata o 41,9%; é dicir, 254 puntos básicos menos que en 2005.

Unha axeitada xestión dos custos sitúa o crecemento da MARXE DE EXPLOTACIÓN nunha taxa de variación relativa do 21,2% e totaliza un importe que xa supera os 350 millóns de euros, ata os 353,6 millóns.

As PERDAS POR DETERIORACIÓN DE ACTIVOS presentan tamén un comportamento moi favorable, diminúen en 26,3 millóns de euros.

Este comportamento, xunto coa menor necesidade doutras dotacións a provisións, compensan a mingua doutros resultados netos que se rexistraron o ano anterior; fundamentalmente, vendas de inmobilizado non funcional.

Con este detalle da conta, chégase a un RESULTADO CONSOLIDADO ANTES DE IMPOSTOS de 250,7 millóns de euros, o que supón un incremento de 66,4 millóns de euros, un 36,1% en termos relativos.

Unha vez deducido o imposto sobre beneficios e o resultado de minoritarios, chégase a un RESULTADO ATRIBUÍDO ao Grupo Banco Pastor de 156,0 millóns de euros, o que supera en 31,4 millóns de euros, nun 25,2%, o obtido no 2005.

Este resultado vese nesgado á baixa polo efecto dos axustes que nos activos e pasivos fiscais diferidos provoca, en 2006, o cambio no tipo impositivo do imposto de sociedades para os próximos anos, segundo a última reforma fiscal. De non mediar este cambio fiscal, o resultado atribuído elévase a 174,5 millóns de euros, e o incremento sería do 40,0%.

Cuns recursos propios medios de 974,9 millóns de euros, obtense un ROE do 16,0% (17,9% axustado ao cambio fiscal), o que se traduce nunha mellora de 263 puntos básicos respecto do dun ano antes.

Estes resultados foron posibles grazas a un sólido crecemento do volume de negocio, baixo os parámetros de equilibrio e rendibilidade, os que emanan das directrices establecidas no plan estratéxico. Ao peche do exercicio 2006, o Grupo Banco Pastor alcanza un VOLUME DE NEGOCIO de 42.509 millóns de euros, 7.357 millóns de euros máis ca un ano antes, un 20,9% en taxa interanual, taxa que alcanza un crecemento dos créditos nun 23,1% e dos depósitos nun 19,4%; é dicir, en liña co equilibrio requirido.

Con ese incremento do 23,1%, en cifras absolutas 3.696 millóns de euros, os CRÉDITOS A CLIENTES DE BALANCE xa representan o 83% do total activo e totalizan un montante de 19.682 millóns de euros. Do citado crecemento, algo máis da metade corresponde ao experimentado polo conxunto dos produtos vinculados a pemes, destacando neste sentido os incrementos interanuais alcanzados polo crédito comercial —un 27,9%—, as contas de crédito —un 28,7%—, os arrendamentos financeiros —un 30,3%— e, especialmente, os empréstitos persoais, a maioría a pemes —un 38,5%—.

Ao longo de 2006, é de destacar a xestión comercial proactiva para o financiamento dos proxectos de comercio exterior dos nosos clientes pemes, desenvolvendo amplamente a nosa oferta de produtos e servizos a eles vinculados e proporcionándolles o apoio e asesoramento específico dun gran número de profesionais aos que lles proporcionamos unha alta formación e cualificación que redundan nun crecemento do 33% deste tipo de negocio.

 


Pola súa banda, neste exercicio é especialmente destacable a evolución dos DEPÓSITOS DE CLIENTES que alcanzan un saldo de 10.966 millóns de euros, 1.778 millóns de euros máis que a finais do exercicio anterior, o que supón, en termos relativos, un incremento do 19,4%. Esta variación, dada a importancia dos nosos depósitos de non residentes en divisas distintas do euro, sería superior, de non mediar a forte depreciación que a maioría delas, especialmente o dólar USA, experimentaron no 2006 respecto do euro; é dicir, se lle aplicásemos a estes saldos, o 31 de decembro de 2006, os mesmos tipos de cambio que a idéntica data de 2005.

En xeral, obsérvanse crecementos na banda alta do dobre díxito, dentro da distinta clase de depósitos e de sectores. Cabe destacar, á parte do crecemento nun 69,1% dos pasivos coas administracións públicas, as taxas de incremento alcanzadas polas contas correntes —un 28,2%— e das imposicións a prazo —un 19,3%— do sector residente.

Os recursos de clientes de fóra de balance crecen, en conxunto, nun 10,4%, sendo o dos fondos de investimento un 10% (neto do saldo patrimonial incluído en balance) e o dos fondos de pensións un 12,4%. Debe destacarse que o crecemento dos primeiros supera netamente o do conxunto do sector, pois, segundo datos de Inverco, ao peche do ano, tras a forte caída dos FIAMM, o incremento do saldo patrimonial total situouse nun 3,5%, aínda a pesar do excelente comportamento dos de renda variable e mixtos e dos de renda fixa a curto prazo.

 


A excelente evolución que trimestre a trimestre viñeron presentando os fundamentais do grupo Banco Pastor viuse reflectida tamén no comportamento da acción. Ao peche do último día bolsista de 2006, a acción Banco Pastor cotizou a 14,75 euros, o que supuxo un incremento de capitalización de 1.208 millóns de euros, un +45,6%, respecto da mesma data de 2005, converténdose así nun dos valores de maior revalorización do mercado continuo español, batendo con creces todos os índices de referencia e consolidando o avance de 2005 cando, cunha revalorización dun 66,7%, Pastor triplicou a rendibilidade ex dividendos obtida polo índice xeral.

O compromiso coa creación de valor para o accionista é máximo: dende 2003, cada euro retido e reinvestido no negocio xerou un valor de mercado de 9,48 euros. No estudo anual sobre servizos financeiros que realiza a consultora Mercer Oliver Wyman, a nosa acción foi sinalada como un dos bancos españois que máis valor crean no mundo, ocupando o posto 6 na clasificación de entidades de tamaño medio no ámbito mundial.

Por outro lado, a liquidez do valor segue mellorando de forma espectacular, xa que en termos de negociación media diaria o volume en 2006 duplicouse en número de títulos e triplicou o importe negociado, respecto do ano 2005 precedente.

 



Información Financeira 1T2006


Informacion Financeira 2T2006


Información Financeira 3T2006


Informacion financeira 4T2006