![]() |
|
|
|
|
As orixes de Banco Pastor datan do ano 1776, cando o comerciante-banqueiro catalán, Jaime Dalmau Batista, funda na cidade da Coruña, un establecemento dedicado ao comercio ao por maior e a operacións crediticias.
A nosa entidade presenciou o troco de dúas moedas: do real de vellón á peseta, en 1868, e da peseta ao euro, en 2002.
Durante máis de 230 anos de historia Banco Pastor foi testemuña excepcional dos avatares sociais, culturais e económicos mundiais. O desexo de contribuír á mellora social e de se adaptar aos novos tempos é unha constante en todas as etapas do Banco.
Socios e empregados de Sobrinos de José Pastor.
1918 Rita Hayworth chega ao mundo cando nun bosque preto de París se asina o armisticio que pon punto e final á primeira gran guerra, aínda que ata 1920 non se asinará o Tratado de Versalles.
Ese ano, 1918, conmemóranse os cincuenta anos de permanencia, na casa Pastor, do seu empregado máis veterano, Valentín Molina Couceiro. Organízase, por iso, unha celebración no Pazo de Mondego, residencia estival da familia Pastor. Daquela, Pedro Barrié Pastor adquiriu xa uns terreos no Cantón Pequeno da Coruña e inicia o proxecto para a construción do que se convertiría no rañaceos máis alto de España e nova sede corporativa e comercial de Banco Pastor.
1920 Tras a sinatura do Tratado de Versalles institúese a Sociedade de Nacións, que nace coa finalidade de evitar que un conflito da magnitude da I Guerra Mundial volva repetirse. O Imperio Ruso pasa a ser a URSS, que coa ideoloxía marxista de Lenin, convértese na primeira nación do mundo gobernada polo proletariado.
Inícianse os chamados Felices Anos Vinte ou os Anos Tolos, un período de prosperidade económica e burbulla especulativa xeralizada, e que remata co crack do 29, un Xoves Negro que da inicio á Gran Depresión.
París estrea O sombreiro de tres picos, de Manuel de Falla, con decorados de Pablo Picasso. O mundo asiste a unha revolución en todos os aspectos sociais e culturais, e Galicia non se queda á marxe. Dese xeito, Sobrinos de José Pastor é a primeira casa de banca que admite na Coruña persoal feminino, nunha praza por oposición de perito mercantil.
Presencia femenina en Banco Pastor
Ricardo R. Pastor, por Sotomayor.
1921 Promúlgase a Lei de Ordenación Bancaria española, a cal regula, por primeira vez, as relacións entre o Banco de España e a banca privada. Confíase a aquel a inspección desta. Ao amparo da devandita Lei, as casas de banca van transformándose en sociedades anónimas.
A xestión de ambos os dous socios e directores de Sobrinos de José Pastor encamíñase non só á expansión do número de sucursais, senón a adecuar a imaxe da empresa familiar, algo que desenvolven a través de dúas decisións fundamentais: a primeira delas, a construción dunha nova sede social que substituiría á situada no entresollado da casa de Pedro Barrié Pastor, do 19 da Praza de María Pita.
A segunda, a de transformar a sociedade regular colectiva, Sobrinos de José Pastor, en sociedade anónima, a partir do 1 de xaneiro de 1925, coa denominación de Banco Pastor.
Nesta primeira época como socio e xerente de Sobrinos de José Pastor a carón de Ricardo, Pedro Barrié encárgase, directamente, de aplicar os plans de expansión da casa de banca por toda Galicia, o que levou a efecto establecendo algunhas sucursais e axencias propias, como a de Vigo, en 1921, ou a de Monforte en 1924. Pero, sobre todo, a través da adquisición de diversas casas de banca locais que se viran alcanzadas pola crise económica da primeira posguerra mundial e que suspenderan pagamentos ou que atravesaban problemas.
1925 Virgina Woolf publica A Señora Dalloway, a súa obra máis popular. A autora do ensaio Un Cuarto Propio, destacou tanto na súa calidade de escritora como polas súas ideas modernas e reivindicativas dun maior protagonismo da muller na sociedade.
Pedro Barrié de la Maza leva, durante os anos vinte e trinta, a dirección da tradicional casa bancaria, convertida xa en sociedade anónima. A súa actuación a título persoal máis salientable é na Compañía de Tranvías da Coruña, na que entrara xa como vicepresidente en 1915 e asumira dous anos máis tarde a Presidencia. Canto a Banco Pastor, iníciase unha forte expansión territorial e unha ambiciosa política de relación cos clientes que se traduce nun forte crecemento dos recursos. Entón, Ricardo Rodríguez Pastor e Pedro Barrié de la Maza completan o proxecto dunha nova sede social, inspirada na Escola de Chicago e que simboliza unha arela cun pulo de modernidade. O edificio, obra dos arquitectos Antonio Tenreiro Rodríguez e Peregrín Estellés, supón todo un fito, pois ata que, en 1929, se levanta, na Gran Vía madrileña a sede de Telefónica, a do Pastor é o edificio máis alto de España.
Tamén durante os anos vinte, Banco Pastor compra o Banco de Vigo, fundado en 1900 e que quebra en 1925, no marco da crise bancaria que tivo lugar nos primeiros anos da ditadura de Primo de Rivera. Con esta operación, Banco Pastor faise co emblemático edificio vigués onde aínda hoxe sitúa a sede das súas operacións para o sur de Galicia.
Diploma da Cámara de Comercio Española en Nueva York.