Nós

Nós

As orixes de Banco Pastor datan do ano 1776, cando o comerciante-banqueiro catalán, Jaime Dalmau Batista, funda na cidade da Coruña, un establecemento dedicado ao comercio ao por maior e a operacións crediticias.

A nosa entidade presenciou o troco de dúas moedas: do real de vellón á peseta, en 1868, e da peseta ao euro, en 2002.

Desde hai 235 anos, Banco Pastor é  testemuña excepcional dos avatares sociais, culturais e económicos mundiais. O desexo de contribuír á mellora social e de se adaptar aos novos tempos é unha constante en todas as etapas do Banco.
 

Letra de cambio de Dalmau y Pastor. Letra de cambio de Dalmau e Pastor.

1826 Samuel Morey patenta o motor de combustión interna cando José Pastor é nomeado director da compañía, que pasa a se chamar “Dalmau y Pastor”. A partir dese momento será cada vez maior o protagonismo das operacións de banca, xiro, desconto ou seguros. As letras de cambio posiciónanse como o medio de pagamento preferido sobre diversas prazas.
Na escritura perante notario déixase claro que “esta vai ser unha sociedade nacente e que se debe tratar do seu fomento”. Por esta razón limitan a doce mil reais o capital que José Pastor e Ramón Dalmau poden gañar como socios. José Pastor aluga, por catro reais de vellón ao día, a casa que Ramón Dalmau posuía na rúa Real, número 11.

1836  O 2 de outubro remata a viaxe que o biólogo inglés Charles Darwin iniciara cinco anos antes a bordo do Beagle, nunha misión científica arredor do mundo. Darwin tomou minuciosas notas durante toda a viaxe e enviou unha dilatada correspondencia á súa familia; todo iso conformaría o caderno de bitácora e a súa obra A Orixe das especies.
Coetaneamente, o fillo de José Pastor Taxonera, tamén José, inicia a súa ‘aventura americana’ ao se trasladar á Habana para traballar na casa de comercio do seu tío, Nicolás Galcerán. Do mesmo xeito que o biólogo, Pastor tamén gustaba de longas viaxes, das que deixaba constancia polo miúdo nos seus diarios e correspondencia. Desta maneira, en 1837, ano do nacemento de Rosalía de Castro, figura central do Rexurdimento da literatura galega, José Pastor Horta, será testemuña da inauguración do primeiro ferrocarril español na Habana.

José Pastor Horta, por Alophe. José Pastor Horta, por Alophe.
José Pastor Taxonera. José Pastor Taxonera.

1840 Ao tempo que o Reino Unido efectúa a primeira emisión de selos de correos do mundo, José Pastor Taxonera, participa na fundación da sociedade de seguros marítimos La Integridad.

1845 Neste ano os galegos descobren as contornas da terra que pisan cando o ilustrado galego Domingo Fontán publica na imprenta Lemercier de París o primeiro mapa topográfico de Galicia, a esperada Carta Xeométrica de Galicia, que foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
Mentres, José Pastor Taxonera compra aos seus socios, os irmáns Dalmau, a participación que tiñan na sociedade, e queda como “dono e propietario in solidum de todos os efectos, xéneros e créditos activos, con obriga do pagamento dos pasivos da sociedade”. Pastor paga, daquela, vinteoito mil reais mediante tres obrigas de pagamento asinadas por él e garantidas polo seu fillo Juan Pastor. As actividades con América Latina adquirien unha maior importancia, especialmente con Cuba e Río da Prata onde cargadores matriculados na Coruña abastecen de materia prima as fábricas de curtidos das comarcas de Betanzos, Pontedeume e Ferrol.
Daquela, Florida, California e Texas entran a formar parte dos Estados Unidos; Europa sofre a praga das patacas; estréase a ópera Tannhäuser de Richard Wagner; e en España redáctase a Constitución de 1845.

Circular de José Pastor en la Habana. Circular de José Pastor na Habana.
Libro de la agencia coruñesa de la Compañía Catalana de Seguros. Libro da axencia coruñesa da Compañía Catalana de Seguros.

1846  As viaxes entre América Latina e España serven tamén para potenciar o negocio bancario e por iso, en febreiro, José Pastor Taxonera iníciase como axente de pólizas de seguros da Compañía Catalana General de Seguros de Barcelona.
Ese ano os astrónomos europeos observaron que as órbitas de Urano, Saturno e Xúpiter non se comportaban como predicían as leis de Newton e Kepler, polo que debía existir outro planeta. Adams e Le Verrier calcularon a súa posición, mais foi Galle, o 23 de setembro, quen o descubriu, a menos dun grao do punto que calcularan Adams e Le Verrier.
Máis tarde, sóubose que Galileo xa observara Neptuno en 1611.
Galicia vivía neses intres un dos episodios máis destacados da súa historia, o coñecido coma os "Fusilamentos dos Mártires de Carral". Os militares progresistas sublevados en Lugo contra o Goberno do Xeneral Narváez ao berro de "Galegos: españois todos: ¡Viva a Raíña libre! ¡Viva a Constitución! ¡Abaixo o Ditador Narváez!",  serían pasados polas armas na vila coruñesa de Carral despois dun xuízo sumarísimo. Este episodio está considerado a primeira versión política do galeguismo.

1853 José Pastor Taxonera falece, e Juan V. Pastor, o seu fillo maior, pasa a se ocupar dos negocios familiares. Mentres, fóra das fronteiras de Galicia, descóbrese a aspirina da man de Charles Gerhardt, nace de Vincent van Gogh, e o 1 de maio sanciónase a Constitución da Arxentina.
José Pastor, irmán de Juan, asentado na Habana e independizado dende 1848, do seu tío, impulsa os negocios co seu irmán en Galicia. Ata alí envía cacao e azucre, que Juan elabora e reexporta. Por esta época, José aproveita os seus coñecementos de idiomas e de contabilidade e finanzas para potenciar a negociación de letras de cambio. Francisco, o terceiro irmán, viaxa á Habana para apoiar a José na súa expansión.
Giuseppe Verdi estrea A Traviata, en Venecia, con pouco éxito.

Contribución industrial y de comercio de José Pastor Taxonera Contribución industrial e de comercio de José Pastor Taxonera.
Estatutos del Banco de Pinar del Río. Estatutos do Banco de Pinar del Río.

1857 Cando en China as forzas militares británicas e francesas toman a cidade de Guangzhou, José Pastor Horta participa activamente na constitución do Banco de Pinar do Río, en Cuba. Non só alí, senón en toda América, principiara, nos anos cincuenta,  o auxe azucreiro e tabaqueiro.
Este florecemento, que foi acompañado dun forte movemento dos valores e a construción ferroviaria, causa un auténtico furor de constitución de sociedades anónimas e comanditarias por accións. A febre especulativa remata en 1858, coa elevación dos aranceis norteamericanos para o azucre cubano e coa propia crise económica daquel país, o que deu lugar á desaparición de moitas das sociedades creadas nos momentos de euforia. Os irmáns Pastor non se contaron entre os prexudicados polo desinche da burbulla especulativa, pois José Pastor, de forte personalidade aínda que o máis precavido dos irmáns, decidira vender a maior parte dos valores comprometidos, polos que obtivo importantes beneficios, de xeito especial nas súas participacións en minas de cobre, das que se desfixeron en pleno apoxeo.