![]() |
|
|
|
|
As orixes de Banco Pastor datan do ano 1776, cando o comerciante-banqueiro catalán, Jaime Dalmau Batista, funda na cidade da Coruña, un establecemento dedicado ao comercio ao por maior e a operacións crediticias.
A nosa entidade presenciou o troco de dúas moedas: do real de vellón á peseta, en 1868, e da peseta ao euro, en 2002.
Desde hai 235 anos, Banco Pastor é testemuña excepcional dos avatares sociais, culturais e económicos mundiais. O desexo de contribuír á mellora social e de se adaptar aos novos tempos é unha constante en todas as etapas do Banco.
Portada Libro cargo y data.
1776 podería ser considerado o ano da orixe da ciencia económica. Adam Smith, pai da economía política, publica, despois dunha década de redacción, A Riqueza das Nacións. Segundo a tese central da súa obra cumio, a chave do benestar social está no crecemento económico, que se potencia a través da división do traballo, a cal se profunda ao mesmo tempo que se amplía a extensión dos mercados e polo tanto a especialización.
Ese mesmo ano, o 4 de xullo, Thomas Jefferson e Benjamin Franklin, entre outros ilustres, asinan a Declaración de Independencia dos Estados Unidos, que supuxo a primeira formulación dos dereitos do home na época moderna, e que se inspirou nas ideas e frases das obras de John Locke. George Washington é nomeado primeiro presidente da nación.
Catro meses antes, o comerciante catalán afincado na Coruña, Jaime Dalmau Batista, funda o que hoxe é Banco Pastor.
1789 O pobo de París álzase en armas e toma a Bastilla. É o comezo da Revolución Francesa e o fin do Antigo Réxime. A Asemblea Nacional Francesa aproba a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. En 1891 a ilustrada francesa, Olympe de Gouges, escribe a súa Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadá, en resposta ás declaracións francesa e estadounidense que só incluían aos homes.
Daquela, a meirande parte do negocio do que acabaría sendo Banco Pastor proviña dos intercambios mercantís entre Galicia e Cataluña e a exportación alén do mar cara a América Latina, que permitía pequenas transaccións mercantís.
Libro de rexistro de Jaime Dalma.
Precios da Fábrica de Sombreiros de Barrié.
1808 Iníciase a Guerra de Independencia española para se opor á pretensión do emperador francés, Napoleón I, de instaurar e consolidar, no trono de España, ao seu irmán José Bonaparte, en detrimento de Fernando VII de España.
Dous anos antes morre Jaime Dalmau. O seu fillo e o seu sobriño presentan, en 1807, ás portas da Guerra da Independencia, a primeira escritura de constitución da compañía. En 1810, Dalmau merca a Real Fábrica de sombreiros finos, propiedade do inquedo home de negocios francés afincado na Coruña dende 1792, Juan Francisco Barrié D’Abadie. Foi merecedor das máximas condecoracións da época, chegando a ser Cabaleiro das Reais Ordes de Carlos III, da Lexión de Honra de Francia e da Aguia Vermella de Prusia.
1819 No ano no que Simón Bolívar funda a República de Colombia, José Pastor Taxonera, de orixe catalán, entra na compañía Dalmau como socio. Barrié e Pastor inician, dende entón, a que se convertiría nunha estreita amizade, e acaban por emparentar, en 1841, cando unha filla de José Pastor Taxonera, Gertrudis Pastor Horta, casa con Pedro Barrié Marchesi, fillo de Juan Francisco Barrié.
Flete marítimo de Jaime Dalmau e Cª.
Plano da Fábrica de Xabrón.
1824 Ludwig van Beethoven estrea, diante dun ateigado e engaiolado Teatro Imperial de Viena, a "Novena Sinfonía en re menor ".
Mentres, a casa Dalmau realiza as súas primeiras incursións industriais mediante a creación dunha fábrica de xabón na Coruña e a compra e participación, en fábricas de salgadura, nas rías de Arousa e Pontevedra.