O RESULTADO RECORRENTE DE BANCO PASTOR CRECE UN 18,7% SEN PLUSVALÍAS DE FENOSA
- Gaña 45 millóns no primeiro trimestre de 2009.
- Materializará 400 millóns de plusvalías latentes no segundo trimestre e destinaraas a reforzar provisións.
- A ratio de solvencia (TIER 1) alcanza o 8,1%; a de eficiencia, o 36,3% e a de liquidez; o 72,2%.
A Coruña, 30 de abril de 2009. "A marxe bruta positiva, a contención de custos e un resultado da actividade de explotación recorrente crecendo ao 18,7% son os valores que demostran a xestión integral de Banco Pastor no primeiro trimestre dun ano que se recordará como o Annus Horribilis para a economía mundial" afirmou José María Arias, presidente de Banco Pastor.
Banco Pastor obtivo un beneficio atribuído no primeiro trimestre de 45,1 millóns de euros, fronte aos 141,1 do ano anterior, debido á ausencia de plusvalías de Fenosa.
De contabilizarse os 200 millóns de plusvalías de Fenosa obtidas tras a recente venda do 1,8% de Fenosa a raíz da OPA de Gas Natural, non só non caería o resultado un 68%, senón que crecería un 31%, mesmo co efecto das provisións.
José María Arias, presidente de Banco Pastor, sinalou que "estas plusvalías, xa materializadas en abril, se levarán a provisións no segundo trimestre do ano, ao igual que xa se fixo no mesmo período do exercicio anterior, como medida para cubrirse ante os efectos do crecemento da mora", e engadiu que "o Pastor acumularía, entre abril e maio, ao redor de 400 millóns de euros en plusvalías, 200 deles das antes mencionadas de Fenosa e outros tantos procedentes de varias operacións, como a compra de débeda subordinada, a venda de inmobles, o acordo de seguros etc.
Insisto, todo se destinará integramente a provisións xenéricas para atallar a morosidade e situar a taxa de cobertura nos niveis que tiña en 2007, xusto antes de comezar a crise".
Se en épocas de bonanza e de forte crecemento Banco Pastor apostara por un desenvolvemento organizacional baseado na continua mellora da produtividade e eficiencia, con máis motivo, en épocas de crise como a actual, decidiuse redobrar os esforzos na xestión proactiva dos custos estruturais, co obxectivo de seguir sendo unha das entidades máis eficientes do sector. Os froitos de tales esforzos non se fixeron esperar. Así, os gastos xerais de administración vense reducidos nun 1,3% respecto aos contabilizados en marzo de 2008 e, deste xeito, a ratio de eficiencia (canto menor, mellor) reduciuse a un 36,31%, 103 puntos básicos menos que o recorrente dun ano antes.
Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor, sinalou que "tendo en conta o agravamento e profundidade alcanzada pola crise económica dende finais de 2007, non podemos por menos que sentirnos satisfeitos cos logros alcanzados. Por un lado, melloramos a solvencia e a liquidez, dúas variables estratéxicas especialmente relevantes nun ámbito económico como o que estamos a vivir. Por outro lado, a intensa acción comercial permitiu, entre outros aspectos, que os depósitos da clientela crezan, e moi significativamente os depósitos de clientes a prazo, aqueles que máis mostran a confianza dos nosos clientes na entidade, que o fan a unha taxa do 13,5%".
RATIOS DE CAPITAL
Efectivamente, a Ratio BIS situouse nun 10,8%, a Core Capital no 6,9% e a TIER1 no 8,1%, moi por enriba dos mínimos regulatorios esixidos e mellorando amplamente os alcanzados ao peche do exercicio anterior, 10,6%, 6,3% e 7,5%, respectivamente. A recente emisión de 250 millóns de euros en accións preferentes, aínda non reflectida nestas ratios ao se pechar nos primeiros días deste mes de abril, vai en liña coa estratexia de Banco Pastor de reforzamento desta variable.
Pola súa banda, a ratio de liquidez, que mide a cobertura dos créditos e empréstitos por parte dos depósitos de clientes, elevouse ao final deste primeiro trimestre do ano a un 72,2%, 255 puntos básicos por enriba da alcanzada a finais de 2008 e, tamén, 59 puntos básicos mellor que a dun ano antes. Gost agregou que "é importante volver sinalar, ao respecto da liquidez, e como mostra da previsión de Banco Pastor, que en todo 2009 non temos ningún vencemento de débeda institucional e, ademais, a que vence en 2010, xa a temos cuberta".
Afondando na liquidez, os depósitos de clientes increméntanse en 83 millóns de euros en cifras absolutas, ata totalizar 14.364 millóns de euros, a pesar da caída dos saldos das contas coas administracións públicas, os cales, respecto ao 31 de marzo do pasado exercicio, se ven diminuídos en 394 millóns de euros.
A principal captación do aforro por parte de Banco Pastor vén da man dos seus clientes, os cales, unha vez máis, depositan maioritariamente os seus fondos en Banco Pastor en imposicións a prazo. En Banco Pastor, esta modalidade de depósitos alcanza un importe de 9.229 millóns de euros, é dicir, case o 65% do total dos depósitos, tras crecer nun ano 1099 millóns de euros, a unha taxa do 13,5%.
Polo lado dos créditos, Banco Pastor creceu un 2,2% en créditos con garantía real e decreceu un 13,7% naqueles que non contan con garantía real. Entre as súas campañas de apoio a pemes e particulares, e seguindo sempre unha política de fidelización, a entidade lanzou unha liña de créditos a pemes preconcedidos por valor de 1000 millóns, situouse como a entidade número 12 de España en concesión de créditos ICO e lanzou unha liña de créditos para hipotecarios por valor de 2000 millóns, ademais dunha nova campaña de captación de hipotecas ao euríbor +0,49%, sen comisións e sen tipo de xuro mínimo ("plano").
Con respecto á morosidade, o conselleiro delegado de Banco Pastor afirmou que "a taxa de morosidade da entidade mellorou con respecto ás previsións que tiñamos ao peche do exercicio pasado. Así, neste trimestre, o ritmo de entradas en mora retardouse con respecto aos últimos trimestres do ano anterior, situándose na media do sector en febreiro, cun 4,1%".
CONTA RESULTADOS
En canto ás principais magnitudes da conta de resultados, a marxe de xuros elévase a 136,3 millóns, incrementando así nun 0,5% o dun ano antes, apoiado nunha significativa mellora dos spreads (21 puntos básicos o de clientes) e, o que é tamén un aspecto moi destacable, rompendo a tendencia xeral decrecente do sector que se viña observando nos dous últimos trimestres do pasado exercicio. En concreto, con respecto ao cuarto e último trimestre de 2008, onde esta marxe totalizou 121,3 millóns de euros, conséguese un avance de 15,0 millóns de euros.
Con isto, a marxe de explotación vaise incrementado en 5,4 millóns de euros, un 4,4% en termos relativos. En termos homoxéneos, é dicir, sen incluír as plusvalías de Fenosa nos resultados do ano 2008 e deducidas as dotacións a provisións por riscos continxentes e as perdas por deterioración dos investimentos crediticios, obtense un resultado da actividade de explotación cifrado en 101,8 millóns de euros, o que supón un incremento en taxa interanual do 18,7%.
BANCO PASTOR BLÍNDASE CONTRA A CRISE REFORZANDO A SÚA SOLVENCIA
- Sitúa as súas ratios de capital no nivel máis alto dos bancos domésticos españois.
- A dotación xenérica sitúase no máximo establecido pola norma contable.
- Gaña 82 millóns de euros despois de dedicar 75 a saneamentos voluntarios.
- O beneficio recorrente da entidade, sen saneamentos voluntarios, aumenta un 8% con respecto ao ano 2008.
A Coruña, 30 de xullo de 2009. Se a banca nacional conta, nesta época de turbulencias financeiras, cunhas ratios de capital positivos que figuran entre os mellores das entidades europeas, Banco Pastor é o que presenta as mellores ratios da banca doméstica española, unha inmellorable blindaxe para afrontar os actuais e próximos avatares económicos.
"Banco Pastor xa está a traballar para cando finalice este período de crise, poñendo os piares sobre os que deberán sosterse as entidades que debuxen o panorama financeiro tras as fusións. Nese sentido, sempre sinalei que as prioridades para saír reforzado son tres: a solvencia, a liquidez e a xestión do risco. Pois ben, Banco Pastor ten unha situación privilexiada en solvencia, en liquidez e está a frear o aumento da mora", comentou José María Arias, presidente de Banco Pastor, quen engadiu que "por se fose pouco, situamos a ratio de eficiencia nun 23,76%, rexistrando así un novo mínimo histórico".
Banco Pastor situou as súas ratios de solvencia no nivel máis alto da banca española doméstica cotizada. Neste sentido, o core capital alcanza o 7,41%, a ratio BIS situouse nun 11,93% e o TIER1 no 10%, mellorando amplamente os alcanzados ao peche do exercicio anterior, que eran de 6,33%, 10,56% e 7,46%, respectivamente.
Banco Pastor tamén decidiu situar as súas provisións xenéricas no máximo establecido pola actual normativa contable, o 125%, para así manter intacto o seu colchón de cara ao futuro. Con esta medida, situou a súa muralla contra insolvencias por enriba da que tiña antes da crise, situando o fondo de cobertura de dubidosos en 738 millóns de euros, máis de catro veces o beneficio de 2008.
Pola súa banda, o beneficio neto do primeiro semestre descende un 34% en comparativa interanual, ata os 82 millóns de euros, polo maior esforzo nas provisións. Se se neutralizase o impacto dos saneamentos voluntarios, Banco Pastor gañaría un 8% máis.
Outro dos aspectos máis relevantes de Banco Pastor é a xestión da liquidez dende antes do comezo da crise. Debido ás políticas de diversificación e previsión, Banco Pastor dispón dunha sólida situación de liquidez. A primeira liña de liquidez sitúase por enriba de 2.000 millóns de euros, a cal lle permitiría á entidade non ter que acudir aos mercados durante os próximos 18 meses.
A folgada posición de liquidez de Banco Pastor permitiulle reducir as emisións de obrigas de pagamento; é dicir, de financiamento a curto prazo e, polo tanto, ampliar sensiblemente o vencemento medio do financiamento institucional, mellorando a estrutura financeira do balance.
Así, en todo 2009 non existe ningún vencemento de débeda institucional, como tampouco en 2011 e 2012 e, ademais, a que vence en 2010 xa está cuberta.
A eficiente xestión de Banco Pastor demóstrase tamén a través da súa ratio de eficiencia, situado nun 23,76% que, mesmo non considerando as plusvalías de Unión Fenosa no denominador, a ratio de carácter recorrente situaríase nun 33,93% e sería igualmente o mínimo histórico.
A marxe bruta de Banco Pastor rexistrou un crecemento do 24,4% no primeiro semestre respecto do mesmo período do ano 2008, ata os 672 millóns de euros. Tamén se consolida a boa evolución da marxe de explotación, que mellora o 36,8%, chegando aos 491 millóns de euros, grazas á redución dos gastos xerais nun 1,2%, froito do peche de 32 sucursais e dunha estrita política de redución de custos.
Banco Pastor mantén unha taxa de cobertura da morosidade do 110%, incluíndo garantías hipotecarias, mentres que a taxa de morosidade diminuíu significativamente, sosténdose nun 4,64%, por debaixo da media do sector.
ACTIVIDADE COMERCIAL
Xunto a esta política de prudencia e solidez, Banco Pastor logrou manter un forte ritmo comercial.
Jorge Gost, conselleiro delegado e vicepresidente de Banco Pastor, afirmou que "a pesar de todos os vaivéns provocados pola crise económica, seguimos enfrascados na actividade comercial. En pemes, a política que estamos a seguir é a que eu denomino de "microcirurxía", como non podía ser doutro xeito no actual ciclo. Así –engadiu Gost– neste trimestre seleccionamos varios sectores que consideramos que serán de crecemento nos próximos anos e analizamos, unha por unha, máis de 30.000 empresas. A todas elas estámoslles preparando unha oferta personalizada. Entre os sectores que consideramos de futuro, atópanse o da alimentación, transporte terrestre, enerxías renovables, onde tamén estamos a investir, I+D+i ou a sanidade. Estamos convencidos que esta política de microcirurxía nos permitirá poñer as bases dunha actividade comercial que apoiará a entidade para saír reforzados tras a crise".
Outra proba significativa da actividade comercial é o importante ritmo que está a alcanzar a concesión de préstamos hipotecarios vivenda dende o momento en que se iniciou a campaña do Hipotecal 49. Dende maio, Banco Pastor observou un incremento de contratación de case 3.000 hipotecas.
En canto aos depósitos de clientes, estes suman un montante de 13.915 millóns de euros dos que case o 65% son imposicións a prazo. Esta modalidade de aforro crece en cifras interanuais en 464 millóns de euros. O conxunto destes depósitos, xunto coas obrigas de pagamento comercializadas a clientes, permiten incrementar a ratio de liquidez; é dicir, a cobertura financeira dos créditos a clientes, en 64 puntos básicos respecto do mesmo período semestral de 2008, levándoa ao 71,6%.
Banco Pastor iniciou, nos meses de maio e xuño, un plan de apoio aos particulares a través dunha oferta global que inclúe produtos de nómina, hipotecas e depósitos. O obxectivo, no medio desta crise, é animar os nosos clientes a través de ofertas globais, non produtos illados, o cal derivará nunha maior relación mutua.
Tamén como apoio ás pemes, Banco Pastor ten unha liña de créditos preconcedidos por valor de 1.000 millóns de euros, co que converte nunha das entidades bancarias españolas máis proactivas en concesión de préstamos ICO. Estes, tan só dende o peche do pasado exercicio, experimentaron un crecemento dos seus saldos nun 12,3%.
BANCO PASTOR ACUMULA 791 MILLÓNS DE PROVISIÓNS CARA AO 2010
- O resultado antes de provisións ou marxe de explotación elevouse a 616,8 millóns, e creceu ata taxas dun 27,7%, aínda illando as plusvalías pola venda de Unión Fenosa.
- Banco Pastor obtivo un beneficio ordinario de 164,7 millóns de euros antes de impostos e un beneficio neto que alcanza os 120 millóns de euros, despois de dedicar 135 a saneamentos voluntarios.
A Coruña, 30 de outubro de 2009. - Os resultados de Banco Pastor no terceiro trimestre do ano ilustran unha evolución similar á do primeiro semestre; combina recorrencia con plusvalías e prima a previsión e as provisións voluntarias fronte aos resultados.
Así, a entidade preparouse de cara ao 2010 ao realizar dotacións, entre xaneiro e setembro, por 507 millóns de euros, e acumulou unhas reservas por 791 millóns de euros, das cales 422 son xenéricas. O crecemento das provisións explícase polo aumento habido nestas dotacións xenéricas, que crecen un 248%, e que servirán de colchón para facer fronte ao próximo exercicio. Mentres, a dotación específica, directamente relacionada co risco crediticio, descende nun 15%.
Banco Pastor pechou os nove primeiros meses cun resultado que alcanza os 165 millóns de euros antes de impostos e os 120 millóns de euros despois de impostos, o 29% menos que un ano antes, como consecuencia das provisións voluntarias que realizou de 135 millóns brutos no que vai de ano.
"En Banco Pastor estamos pensando no 2013, pero temos moi presente que o 2010 será o peor ano da crise. Sen dúbida isto ofrece unha dobre lectura, por un lado vemos o tan esperado final do túnel, con crecementos do PIB na segunda metade do ano, pero por outro lado enfrontarémonos á parte máis profunda da recesión actual. Banco Pastor fixo os deberes en canto a solvencia, liquidez, eficiencia e rendibilidade, e como xa se aprecia dende o trimestre pasado, estamos mellorando o aspecto que nos afecta a todas as entidades por igual: a mora" sinalou José María Arias, presidente de Banco Pastor. Arias subliñou que dous de cada tres euros do crecemento das provisións deste ano veñen polo lado da dotación xenérica "o que nos asegura un colchón máis que cómodo cara ao 010".
Banco Pastor ademais viu como a súa ratio de morosidade frea o seu crecemento e por iso só repuntou lixeiramente sobre o anterior trimestre, pasando dun 4,64% no primeiro semestre a un 4,88%, por debaixo da media do sector, e elevou a cobertura global ata o 114%.
Unha vez máis, en setembro, Banco Pastor situou as súas ratios de solvencia no nivel máis alto da banca española cotizada. Neste sentido, o Core Capital situouse no 8,27, a ratio BIS no 12,59% e o TIER1 alcanzou o 10,68%, e superou así amplamente os alcanzados ao peche do exercicio anterior, 6,33%, 10,56% e 7,46%, respectivamente.
Outro dos aspectos máis relevantes de Banco Pastor é a xestión da liquidez dende xa antes do comezo da crise, cun gap comercial do 71%, o mellor da banca doméstica se illamos a cesión temporal, unha primeira liña con máis de 2800 millóns de euros e, grazas ás políticas de diversificación e previsión, Banco Pastor ten cubertos os vencementos de débeda institucional ata o ano 2012.
Banco Pastor impulsou a súa marxe bruta para crecer a taxas do 25,7%, que, xunto cunha xestión dos custos que combina o curto co longo prazo, sitúa a Banco Pastor como un dos bancos máis eficientes de España e Europa, como reflicte a súa ratio de eficiencia, situado nun 27,55%. Mesmo non considerando as plusvalías de Unión Fenosa no denominador, a ratio de carácter recorrente situaríase nun 35,58%.
Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor; sinalou que "a mellora das contas aséntase en aspectos netamente comerciais como a captación de clientes, preto de 50.000 particulares e máis de 7.000 empresas, e o lanzamento de novas campañas de nóminas e hipotecas como o Hipotecal 049, grazas ao cal Banco Pastor pasou de captar o 1% do crecemento do mercado en abril ao 2,5% a agosto, e reportoulle ao banco máis de 5.000 hipotecas". Con todo iso, a marxe de xuros segue crecendo, alcanzando o nivel trimestral máis alto da súa historia, a pesar da contracción do volume nun 7% pola forte caída na demanda, especialmente na área inmobiliaria.
Pola súa banda, os recursos descenden lixeiramente, un 0,9%, arrastrados polo significativo descenso dos recursos xestionados das administracións públicas. Non obstante, os recursos de clientes crecen no ano un 1,1%.
O conselleiro delegado tamén recordou que o recorte de 56 sucursais da súa rede comercial, no que vai de ano, se debe á rendibilidade de cada oficina e á proximidade a outras que seguirán cubrindo a atención e proximidade que demandan os clientes.
BANCO PASTOR LIDERA O SECTOR EN SOLVENCIA E BLÍNDASE CON 829 MILLÓNS DE PROVISIÓNS
- O resultado antes de provisións –é dicir, a marxe de explotación– elevouse a 710,7 millóns e creceu un 34,3%.
- Banco Pastor líder en solvencia.
- Freo á mora no último trimestre. Continúa por debaixo da media do sector.
- Banco Pastor obtivo un beneficio ordinario de 130,5 millóns de euros antes de impostos e un beneficio atribuído de 101,1 millóns de euros, tras destinar 122,9 a saneamentos extraordinarios.
A Coruña, 12 de febreiro de 2010.- Banco Pastor considera que a prudencia debe seguir sendo a prioridade en 2010. Por iso, fixo os esforzos necesarios para acumular un saldo total de provisións de 829 millóns de euros, o máis alto da historia, de tal maneira que se blinda contra calquera continxencia en 2010 e proxecta a entidade cara aos próximos anos. En termos interanuais, estes fondos creceron en 336 millóns.
Mentres tanto, os resultados antes de provisións reflicten unhas marxes do negocio en continuo crecemento. A marxe bruta presenta un incremento do 21,6% e o de explotación do 34,3%. Aínda así, Banco Pastor, seguindo unha política de resultados prudentes e conservadores ante as actuais circunstancias, decidiu sacrificar beneficios. O beneficio do Pastor alcanzou os 101,1 millóns de euros, un 38,4% menos ca no exercicio anterior. Sen as dotacións extraordinarias de 122,9 millóns, o resultado atribuído elevásese a 187,1 millóns, o que implicaría un incremento respecto de 2008 de 23 millóns, un 14% máis.
"Solvencia e xestión do risco, isto é o que debe primar agora e nos próximos meses. Fortalecer o balance é tanto ou máis importante que os beneficios, non debemos pensar en 2010, que vai ser sen dúbida un ano complicado, senón en 2011 e 2012, que serán os anos que marquen de verdade o futuro mapa financeiro español e a saída da crise para o noso país", afirmou José María Arias, presidente de Banco Pastor. Arias subliñou que Banco Pastor cumpriu os obxectivos de 2009, "encher os petos das provisións e activar a maquinaria comercial para crecer en clientes vinculados".
CAPITAL, MORA E LIQUIDEZ
No exercicio 2009, Banco Pastor posiciónase como líder da banca en solvencia, xa que presenta a mellor combinación entre Core Capital e Tier 1 do sistema bancario. O Core Capital sitúase no 8,26%, o Tier 1 no 10,55 e o Ratio BIS no 12,47%, co que se superaron amplamente os alcanzados no peche do exercicio anterior, o 6,33%, 7,46% e 10,56%, respectivamente.
"Non podo estar senón satisfeito dos nosos resultados, pero non creo que debamos enganarnos sobre o ano 2010 e mesmo sobre o 2011. Serán anos duros e aquela entidade que non saiba potenciar ao máximo a actividade comercial da súa rede de sucursais terá serias dificultades. Xunto a isto, a xestión do risco será clave. Banco Pastor freou o crecemento da mora, o que é un motivo máis de satisfacción", sinalou Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor.
Efectivamente, ao contrario que a tendencia do mercado, Banco Pastor, no peche do exercicio, logrou manter a súa ratio de mora nos mesmos niveis do terceiro trimestre; é dicir, no 4,88%, por debaixo da media do sector, que supera o 5%.
As provisións para riscos morosos consolídanse cunha ratio de cobertura do 53,28% –un 118,7%, se se inclúen garantías reais– con, como xa se apuntou, un fondo de 829 millóns de euros en cifras absolutas –case un 70% máis que no peche de 2008–, dos que 304 millóns de euros corresponden a fondos xenéricos e 126 a subestándar.
Por outra parte, Banco Pastor segue mantendo unha envexable posición de liderado en liquidez, materializada nunha cobertura do 71,7% dos créditos a clientes cos depósitos tradicionais, unha primeira liña con máis de 2.500 millóns de euros e un financiamento institucional con todos os vencementos xa cubertos ata 2012.
EFICIENCIA E ACTIVIDADE COMERCIAL
Dado que os gastos xerais de administración creceron en tan só un 4,4%, a ratio de eficiencia situouse nun 31,11%, entre as líderes do sector, e posicionouse do mesmo xeito se falamos desta ratio en termos de recorrencia; é dicir, sen considerar as plusvalías pola venda de Unión Fenosa, pasaría a ser de 38,20%, porcentaxe moi por debaixo tamén da media sectorial e do noso segmento competitivo de referencia.
No aspecto comercial, podemos tamén sinalar que os recursos de clientes en balance totalizan un montante de 14.416 millóns de euros, 664 millóns máis que en decembro de 2008, un 4,8% en termos relativos. No que concirne ao sector residente (que representa o 86% do total depósitos), crece a unha taxa do 7,2% cando, en setembro, o facían ao 1,8%, o que lle permitiu a Banco Pastor gañar unha significativa cota de mercado, tanto en particulares coma en empresas, respecto do total da banca. O incremento neste último período das contas vista foi determinante, inducido polo éxito da campaña "Nómina triplete" iniciada no mes de setembro.
Tamén pode considerarse como moi satisfactorio o comportamento de recursos de fóra de balance. Así, o saldo patrimonial dos fondos de pensións viuse incrementado nun 12,5% e o dos fondos de investimento nun 3,7%, taxa que cobra especial relevancia se se ten en conta que o total sector presenta unha caída interanual do -3,0%.
Non é unha casualidade, Fonpastor 0 foi premiado como o mellor fondo da súa categoría a 10 anos e a xestora Gespastor figura no noveno posto por rendibilidade no ránking de entre 88 xestoras de fondos de investimento en España.
Tras a aceleración do investimento crediticio no último trimestre, esta variable presenta ao peche do exercicio un comportamento interanual practicamente plano. É de destacar, non obstante, o máis que notable incremento dos empréstitos hipotecarios vivenda, 878 millóns de euros, un 21,8% máis que en decembro de 2008.
Se iso se produciu polo que se refire a particulares, non menos importante é o incremento do financiamento a pemes, tanto polo lado dos empréstitos ICO, onde o Pastor é unha significativa referencia dentro do sector, coma dende o punto de vista doutras modalidades crediticias. O saldo dos primeiros creceu un 13,5% en taxa interanual, aínda que o número de concesións de empréstitos asociados a distintos convenios o fixo en máis dun 50% e o dos seus importes concedidos nun 41,3%. Pola súa banda, o número de concesións de empréstitos con garantía persoal superou o de todo o exercicio de 2008 nun 13,7%, porcentaxe que se eleva ao 29,0% no caso dos empréstitos con garantías reais (exceptuando promotor).
Convén destacar tamén que no último trimestre o saldo da carteira comercial, fundamentalmente de efectos descontados, creceu en 172 millóns de euros. Unha boa proba máis de que, aínda en momentos de crise como os que se están a atravesar, Banco Pastor mantén unha decidida aposta para lles facer fronte ás necesidades financeiras dos clientes pemes e autónomos.