Banco Pastor eleva o seu beneficio un 167,3% e alcanza unha ratio de liquidez do 71,6%
A Coruña, 30 de abril de 2008.- Banco Pastor, o sétimo grupo bancario español por volume de negocio, presentou, na Xunta Xeral de Accionistas, os seus resultados durante o primeiro trimestre do ano, con beneficios de 141,1 millóns de euros, 196,7 millóns en beneficio antes de impostos, o que supón un incremento do 167,3%.
José María Arias, presidente do Banco Pastor, valorou moi positivamente a evolución trimestral por catro razóns principais: "Por un lado, a nosa fortaleza comercial; por outro lado, a nosa liquidez, entre as mellores do sector, xa que o banco se financia nun 71,6% con recursos de clientes; en terceiro lugar, o crecemento do pasivo que se equilibra de xeito perfecto co crecemento do investimento, un aspecto envexable nun momento delicado da conxuntura económica e, finalmente por unha estrutura flexible do balance como se manifesta a través da xestión do spread".
En efecto, a posición de liquidez da entidade demóstrase porque é un dos poucos bancos europeos sen vencemento de débeda ata o 2010 e polo compasado crecemento entre os recursos e o investimento, polo que Banco Pastor non necesita máis liquidez da que xera.
Os depósitos da clientela alcanzaron os 14.280 millóns de euros, o que supón un aumento interanual de 2.598 millóns de euros, un 22,2% máis, practicamente dobrando a taxa interanual media do sector. O crecemento do investimento foi mesmo algo inferior, 2.496 millóns, o que demostra a capacidade do banco para equilibrar o seu balance.
A flexibilidade na captación de recursos demóstrase pola súa composición: o 78% materializouse nos depósitos a prazo do sector residente, o 11% nos depósitos á vista, con contas correntes, crecendo ata taxas do 9%. O saldo do investimento crediticio alcanzou os 24.238 millóns de euros, un 11,5% máis.
Unha fervenza de resultados recorrentes na banda alta do dobre díxito non vista no sector permitiu que Banco Pastor sitúe as súas ratios de capital cun dos mellores crecementos e solidamente reforzados, como se aprecia no crecemento de 42 puntos básicos do Core Capital, que alcanza o 6,52%. Pola súa banda, o ROE, sen Fenosa, alcanza o 19,8% e supera o obxectivo marcado polo Plan Delta para o final deste ano. Ademais, supera en 85 puntos básicos o alcanzado no mesmo trimestre do ano anterior e en 627 puntos básicos ao que se tiña de referencia no inicio do devandito plan.
Pola súa parte, o ROA mostra un magnífico comportamento, pois cun 0,96% (2,17% con Fenosa) alcanza un máximo histórico, 10 puntos básicos por enriba da referencia máxima precedente.
Jorge Gost, conselleiro delegado do Banco Pastor, tamén se congratulou da situación de liquidez e sinalou que "os ritmos de crecemento do negocio bancario están superando expectativas neste cambio de ciclo, que azouta a todo o mundo con máis virulencia da que o mercado esperaba. Así, illando os resultados extraordinarios derivados da venda do 1,14% da participación en Unión Fenosa, o beneficio recorrente do Grupo Banco Pastor alcanzou un incremento interanual do 19%, polo que seguimos, un trimestre máis, por diante da media do sector. Non podía estar máis satisfeito co esforzo e cohesión de todos os profesionais de Banco Pastor que demostran que son capaces de obter bos resultados en ámbitos máis complexos e delicados".
As provisións da entidade alcanzan os 473 millóns de euros das que 379 millóns son reservas xenéricas e 94 específicas, cun crecemento plano nas primeiras e un ascenso das segundas de 16,3%, cifra razoable se temos en conta a situación do mercado. Neste trimestre fixéronse provisións por 35,7 millóns de euros.
Nun ámbito no que non se pode obviar a desaceleración económica, a morosidade empezou a notar uns inevitables síntomas de crecemento e a taxa de non pagamentos evolucionou ata o 1,26%. Un incremento de 0,44 puntos porcentuais respecto do último trimestre do 2007, en liña coa media das entidades financeiras, debido en gran parte á desaceleración do investimento presupostado no Plan Delta, así como á suba dos tipos de xuro durante o pasado ano.
Banco Pastor gaña un 18,2% máis, na súa actividade ordinaria
A Coruña, 31 de xullo de 2008 -Malia a desfavorable conxuntura económica, o Grupo Banco Pastor mantén o seu dinamismo e alcanza, ao termo do primeiro semestre de 2008, un resultado atribuído de 124,4 millóns de euros de negocio recorrente, 19,2 millóns de euros máis ca no mesmo período do exercicio anterior, un 18,2% en taxa interanual.
José María Arias, presidente de Banco Pastor, subliñou que "a recorrencia destas cifras evidencia a fortaleza comercial de Banco Pastor nun ámbito económico nada favorable e bastante peor do que se podía esperar a comezos do exercicio. Estes resultados, unidos a unha ratio de liquidez por enriba do 70% e non ter vencementos de débeda ata o 2010 explican a sólida situación de Banco Pastor".
Banco Pastor alcanzou un ROE do 19,7%, máximo histórico recorrente da nosa entidade, superando xa amplamente o 19% que se fixara a entidade como obxectivo do Plan Delta; así mesmo, o ROA situouse tamén nunha porcentaxe de máximos, o 0,92%. Ao mesmo tempo, Banco Pastor fortaleceu os seus niveis de solvencia, elevando a ratio de Core Capital ata o 6,46%, cunha ratio bis que alcanza o 11,44%.
A conta de perdas e ganancias que se presenta recolle, ata a marxe de explotación, 111 millóns de euros de resultados por operacións financeiras provenientes da operación de venda realizada a comezos deste ano 2008 do 1,14% da nosa participación en Unión Fenosa. De aí que a marxe ordinaria medre 41,2% e a marxe de explotación un 63,7%. Estes crecementos, sen considerar tales plusvalías, serían do 11,3% e do 12,8%, respectivamente.
Deste xeito, a ratio de eficiencia, ex-plusvalías, colócase xa, por primeira vez, por debaixo do 38%, en concreto nun 37,97%.
Se, como diciamos, ata a marxe de explotación se recollen os extraordinarios de Unión Fenosa, isto xa non se reflicte no resultado final, toda vez que, por criterios de prudencia, destinamos a totalidade da devandita plusvalía a reforzar os nosos fondos de cobertura.
De non realizar esta cobertura, o resultado atribuído ao grupo superaría os 200 millóns de euros, máis dun 90% de crecemento con respecto ao mesmo período do ano 2007.
Co puro negocio recorrente, alcánzase un resultado antes de impostos de 173,5 millóns de euros, o cal supón un incremento interanual do 11,0%. Deducido o imposto de sociedades e os resultados de minoritarios, alcanzamos un resultado atribuído ao Grupo Banco Pastor de 124,4 millóns de euros, co sinalado 18,2% de variación en termos relativos.
Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor, sinalou que "os problemas de liquidez que viven os mercados financeiros tras a crise das hipotecas subprime, non fan máis que reafirmar a importancia que, para as entidades bancarias, supón o logro e mantemento dun balance equilibrado entre os investimentos crediticios e os recursos de clientes. Para Banco Pastor este necesario equilibrio sempre foi un obxectivo estratéxico. Nestes momentos, somos unha das entidades españolas con mellor ratio de liquidez, ao situarse nun 71,3% o 30 de xuño, mellor mesmo que o ano pasado".
(Nota: porcentaxe de liquidez alcanzada ao calcular o cociente entre recursos de clientes en balance e créditos a clientes de balance.)
En termos interanuais, mentres que os créditos a clientes creceron en 1.520 millóns de euros, é dicir nun 7,6%, os depósitos de clientes fixérono en 2.663 millóns de euros, un 22,3%.
Dentro dos créditos, os de garantía real creceron a unha taxa do 9,0%; os arrendamentos financeiros, nun 14,2%; e os de non residentes, nun 24,2%.
A minoración do crecemento crediticio e o incremento da morosidade son dous aspectos ligados directamente á actual conxuntura económica que están a ser especialmente destacados por todas as entidades financeiras españolas, tanto á hora de presentar os resultados trimestrais como cando fan públicas as súas estimacións para o futuro próximo. Banco Pastor non é alleo a esta situación e a súa ratio de mora, considerando os riscos continxentes, situouse nun 1,83%, fronte ao 1,26% do primeiro trimestre, mantendo, non obstante, unha cobertura por enriba do 100%.
Polo que aos depósitos exclusivamente se refire, tras un crecemento do 22,3% no seu conxunto, totalizan xa un saldo ao final do primeiro semestre de 2008 de 14.621 millóns de euros. Practicamente todo o crecemento se materializa nas imposicións a prazo, modalidade de pasivo que se ve incrementada nun 44,0%.
En resumen,
BANCO PASTOR GAÑA 170 MILLÓNS DE EUROS NO SEU NEGOCIO RECORRENTE, UN 10,3% MÁIS
Os depósitos de clientes crecen un 8%.
O Core Capital e o Ratio Bis sitúanse en 6,71% e 11,05%, respectivamente.
A Coruña, 31 de octubro de 2008 .- A pesar das fortes turbulencias que están a acontecer nos mercados financeiros, Banco Pastor segue crecendo de xeito equilibrado e eficiente. Á altura do mes de setembro, alcanza un resultado atribuído de 170 millóns de euros, un 10,3% máis que no mesmo período do ano anterior, o que eleva o ROE (rendibilidade sobre recursos propios) ata o 18,01%, ao tempo que a ratio de eficiencia “canto menor, mellor” sitúase nun 34,3% (40,9% ex venda de UF).
Todo iso permitiunos, ademais, reforzar significativamente –25 puntos básicos– a nosa base de capital, o "core capital"; é dicir, os nosos recursos propios ponderados por risco, e situalos agora nun 6,71%.
"Estes resultados son, unha vez máis, a demostración da solidez financeira de Banco Pastor. Sentímonos confiados de cara ao futuro xa que, entre outros aspectos, non temos ningún vencemento de débeda no que resta de ano e todo o 2009 seguimos mantendo unha máis que suficiente cobertura do investimento crediticio cos depósitos dos nosos clientes e, ademais, contamos cunha potencial segunda liña de liquidez, por máis de 3.000 millóns de euros", afirmou José María Arias, presidente de Banco Pastor, e engadiu que "estas fortalezas, unidas á nosa demostrada solvencia, capacidade comercial e eficiencia fan que Banco Pastor estea en plenas condicións de seguir apoiando os seus clientes coa prudencia que demanda a situación e de poder captar recursos sen excesivas presións".
Aínda cando a prudencia e o rigor sempre son aspectos consubstanciais na xestión do risco, en circunstancias como as actuais cobran, se cabe, maior transcendencia. Contar cunha sólida posición inicial de liquidez e xestionar o noso balance sobre a base dos depósitos de clientes permitiunos, con toda a cautela que a actual conxuntura require, seguir financiando os proxectos sólidos dos nosos clientes.
Neste sentido cabe destacar que, malia que o montante global dos créditos a clientes, incluíndo os titulizados de fóra de balance, crecen en 954 millóns de euros, un 4,1%, os de garantía real do sector residente duplican esta taxa ata un 8,2% e totalizan xa 14.345 millóns de euros, elevando así a súa importancia estrutural ata o 60%, o que, á súa vez, supón unha mellora do risco da nosa carteira crediticia.
O crecemento equilibrado; é dicir, a xestión continua do "gap comercial" é a base da nosa política comercial, de aí que a determinante última do crecemento dos créditos sexa a magnitude “depósitos de clientes”.
Estes víronse incrementados respecto de setembro de 2007 nun importe de 1.046 millóns de euros, un 7,9% en taxa interanual. Se nos atemos exclusivamente ao sector residente, esta taxa elévase ao 13,6% e, en concreto, a das imposicións a prazo, ata un 28,5%, 1.673 millóns de euros de crecemento en cifras absolutas, amparado nunha gama de produtos cunha remuneración moi atractiva.
"Os riscos desta crise financeira teñen a súa orixe na situación internacional, non de España en particular, polo que seguimos prestando aos nosos clientes. É certo que a deterioración progresiva do marco macroeconómico require unha xestión activa do risco máis detallada. Por iso, centraremos o noso principal esforzo en atender as necesidades dos nosos clientes e despois a captación de clientes que conten con experiencia e proxectos sólidos na súa formulación comercial e financeira", manifestou Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor.
Pola súa banda, o financiamento institucional mantívose nos volumes do ano anterior –arredor dos 7.250 millóns de euros se se consideran os pasivos subordinados–, malia que cunha estrutura diferente, agora cun prazo de vencemento superior e cun maior peso das cédulas hipotecarias en detrimento das obrigas de pagamento.
A ralentización do crecemento do investimento crediticio, como é natural, trasládase ás marxes da conta de resultados. Así, a chamada marxe básica, o que recolle os ingresos netos do negocio bancario de clientes, presenta un incremento de 9,3 millóns de euros, dos que 7,7 millóns de euros na marxe de intermediación e 1,5 millóns de euros no neto comisións. Non obstante, este crecemento sería case o dobre de non mediar en 2007 uns extraordinarios derivados da venda de activos asociados a empréstitos participativos.
A marxe ordinaria crece nun 26,0% (5,7% ex Unión Fenosa), ao tempo que a mellora da eficiencia (a ratio baixa a un 34,3%) eleva o incremento da marxe de explotación a un 38,1%.
Se ata a marxe de explotación se recollen os extraordinarios de Unión Fenosa, isto xa non se reflicte no resultado final, toda vez que, por criterios de prudencia, xa no segundo trimestre destinamos a totalidade da devandita plusvalía a reforzar os nosos fondos de cobertura.
Chégase deste xeito a un resultado antes de impostos de 237,3 millóns de euros. Descontado o imposto sobre o beneficio e os resultados de minoritarios, alcánzase un atribuído ao grupo de 170,0 millóns de euros, 15,8 millóns por enriba do rexistrado no mesmo período do ano anterior, un 10,3% máis.
Acelerada pola propia crise financeira internacional e pola forte suba dos prezos das materias primas básicas, moi especialmente, as enerxéticas, a crise da economía real non se fixo esperar e sufriu unha continua deterioración ao longo do último ano. Nunha conxuntura coma esta, o efecto inmediato no sistema bancario é o aumento da morosidade que, no caso de Banco Pastor, se situou nun 2,6% ao termo do terceiro trimestre.
BANCO PASTOR GANA 164 MILLÓNS DE EUROS DESPOIS DE DESTINAR TODO O BENEFICIO DO CUARTO TRIMESTRE A RESERVAS
- O resultado anual recorrente, sen levar os beneficios do último trimestre a unha dotación extraordinaria, creceu un 1,12% ata os 204,4 millóns -
A Coruña, 12 de febreiro de 2009.- "O que queda da crise vai ser moi duro para a economía mundial, debemos prever aínda un empeoramento do actual ciclo económico. 2009, e probablemente 2010, son anos de prudencia e tamén de incerteza. En España, a morosidade está a crecer e seguirá facéndoo durante bastantes meses, polo que as dotacións que realizamos son un lóxico exercicio de sensatez e madureza ante a seriedade da situación económica" afirmou José María Arias, presidente de Banco Pastor.
Efectivamente, o Banco Pastor ganou 164,1 millóns de euros tras destinar a reservas xenéricas os 57,5 millóns do beneficio obtidos no último trimestre de 2008 e os 111 millóns que gañou coa venda do 1,14% de Fenosa no primeiro trimestre de 2008. Con esta medida búscase fortalecer o balance, aínda que así o beneficio atribuído despois de impostos sexa menor nun 18,8% con respecto ao exercicio anterior.
Sen dedicar os beneficios do último trimestre a provisións xenéricas para cubrir posibles non pagamentos de créditos, o beneficio recorrente de Banco Pastor despois de impostos repuntaría un 1,12%, ata os 204,4 millóns de euros. A marxe de explotación, o máis representativo do negocio bancario, elevouse a 532,7 millóns de euros, un 22,1% máis.
PASTOR PON 1000 MILLÓNS DE EUROS Á DISPOSICIÓN DE PEMES E AUTÓNOMOS
Banco Pastor está a reforzar as medidas de apoio a empresas, comercios e autónomos co desenvolvemento de sistemas de concesión automática e destinando fondos específicos para atender a demanda actual, baixo unha liña especial de 1000 millóns de euros. Así mesmo, estase a ultimar a posta en marcha dunha gama de servizos multiproduto para responder ás necesidades de liquidez actuais e afrontar os retos que formula a complexa situación actual. Estes servizos aforraranlles trámites administrativos aos clientes e permitiralles dedicar máis tempo ao seu negocio.
Ademais, Banco Pastor está a ampliar a súa oferta de produtos de cobertura de tipos de xuro, tipo de cambio e materias primas, que permitan cubrir os riscos asociados a estas variables, facilitando unha mellor planificación e xestión financeira da empresa a curto e medio prazo.
Para todo iso, Banco Pastor está adherido a todos os convenios con organismos públicos de ámbito estatal, autonómico e mesmo local. Así mesmo, asináronse convenios e acordos con cámaras de comercio, asociacións, colexios profesionais etc.
Pulo comercial
A capacidade comercial de Banco Pastor demóstrase sólida tanto nos bos momentos como nos actuais de crise. Así, en 2008 alcanzouse o récord histórico de crecemento de clientes, captando 102.472, un 14% máis ca no exercicio anterior. Pero incluso máis significativo é que o incremento de clientes particulares vinculados -aqueles que contrataron con Banco Pastor os principais produtos bancarios- creceu nun 34,7%.
O dinámico pulo comercial, a folgada liquidez -69,7%- e a eficiencia -35,9%-, unidos ás prudenciais provisións, permítelle a Banco Pastor exhibir un Tier 1 do 7,46%, dos máis sólidos do mercado. Ademais, Banco Pastor é un dos dous únicos bancos do país que non teñen ningún vencemento de débeda institucional durante todo o 2009.
O compromiso de Banco Pastor co tecido industrial nacional queda de manifesto ao situarse de forma consistente, ano tras ano, entre as 12 entidades que lles conceden un maior volume de financiamento ás pemes españolas en colaboración co ICO, cunha cota de concesión de 2,1%, o cal é un 67% superior á súa cota natural de oficinas e, polo tanto, de negocio. Máis concretamente, Banco Pastor foi en Galicia, durante 2008, a entidade líder por número de formalizacións de operacións ICO pemes.
"Esta situación de privilexio é, sen dúbida ningunha, unha tranquilidade para afrontar os próximos meses coa seguridade de saber que podemos seguir impulsando a concesión de créditos aos nosos clientes" sinalou Jorge Gost, conselleiro delegado de Banco Pastor.
Grazas a iso e aos clientes da entidade, para os que se realiza un esforzo adicional para asegurar o seu financiamento, o negocio ordinario mantén unha favorable evolución, tal e como mostra o comportamento da marxe ordinaria que crece a taxas do 18,4%.
O investimento crediticio referido ao 31 de decembro de 2008 seguiu crecendo a pesar da crise, concretamente, un 1,3%, ata os 20.788 millóns de euros os créditos a clientes en balance e a captación de recursos creceu significativamente, ata os 14.221 millóns, a unha taxa do 8%, destacando os depósitos a prazo, que suman 7.701 millóns de euros, un incremento do 26,2%. Estes crecementos permiten que Banco Pastor exhiba unha ratio de liquidez do 69,7%, unha das mellores do sector financeiro español.
Eficiencia
A ratio de eficiencia –a xestión dos custos– de Banco Pastor foi, como en anos anteriores, unha das mellores do mercado e en 2008 situouse nun 35,9%, 327 puntos básicos de mellora, marcando un mínimo histórico anual no grupo Banco Pastor.
A ratio de morosidade sobre o total do investimento computable é do 3,6%. En canto á cobertura da entidade, contemplando tanto os fondos de cobertura como a garantía real asociada aos activos dubidosos, esta sitúase ao peche de 2008 no 117,3%.
Por outro lado, os 111 millóns de plusvalías obtidas pola venda do 1,14% de Fenosa tamén se destinaron a perdas por deterioración de activos (provisións).
Todos saben que 2008 foi quizais o ano máis complicado que se recorda para os mercados financeiros, a volatilidade e inseguridade foron a tónica xeral. Ante isto, a acción Banco Pastor non estivo á marxe, pero mostrou un mellor comportamento ca a media do sector financeiro europeo e a rendibilidade por dividendo para o accionista en 2008 foi do 2,06%, 78 puntos básicos mellor ca o ano anterior.